O Teatro Colón, Sudhum Teatro e a Asociación ALAS A Coruña únense e prol dos Dereitos Humanos

O vindeiro 10 de decembro se conmemórase a aprobación por parte da ONU no ano 1948 da Carta de Dereitos Humanos, e con tan motivo o Teatro Colón, Sudhum Teatro e ALAS A Coruña unen esforzos para consensuar unha programación especial, baseada na reivindicación da igualdade de todos os cidadáns.

Gustavo del Río, director de Sudhum Teatro (coruñés de nacemento), e Tono Conchado García, representante de ALAS A Coruña, presentaron esta mañá no Teatro Colón esta colaboración, coa que se buscará aportar un grao de area máis á concienciación cidadá en materia de igualdade e dereitos civís.

IMG_3309

Así, o venres 9 de decembro o Teatro Colón acollerá a representación de “Fraude”, baseada na vida e obra do máis famoso falsificador de cadros do século XX, Elmyr de Hory. Este xenio da pintura estivo afincado en Ibiza durante os seus últimos anos de existencia e que pasou polo cárcere baixo a Lei de Vago e Maleantes por mor da súa homosexualidade. E o sábado 10 de decembro Sudhum Teatro subirá ás táboas do Teatro Colón a súa obra “Silenciados”, a historia de cinco persoas asasinadas por discriminación sexual. Desenterrados para contar a súa vida e a súa morte, unha peza que leva 9 tempadas ininterrompidas de representacións en Madrid e viaxou xa por toda Europa e Sudamérica.

Como cita especial, o elenco de “Silenciados” manterá un encontro co público ao remate da representación, buscando propiciar o debate sobre a igualdade de dereitos e a importancia da propia identidade, que, tal e como explicaba Gustavo del Río, “conta cun importante compoñente didáctico e de difusión. Este encontro busca romper a cuarta parede e permitir que todos os temas tratados no texto baixen das táboas á platea e sexan debatidos e analizados dende a realidade de cada quen”.

ALAS A Coruña participará tamén neste encontro co público, como parte dunha colaboración que buscará tamén a maior difusión dos contidos representados nos textos, que para Tono Conchado son especialmente importantes “porque é necesario seguir facendo bandeira das reivindicacións de igualdade, de recoñecemento e de identidade”.

A colaboración do Teatro Colón, Sudhum Teatro e ALAS A Coruña é un proxecto que ven de lonxe, e que arraiga na liña de programación social do teatro, “de feito, estamos a traballar nun ciclo específico de temática LGTB conxunto, que non sabemos se poderá chegar a desenvolverse antes de maio, pero que leva tempo preparándose”, explicaba Tono Conchado.