Marián Bañobre protagoniza ‘A filla de Woody Allen’

Ibuprofeno Teatro presenta este sábado 11 a obra ‘A filla de Woody Allen’, unha tenra comedia protagonizada pola actriz Marián Bañobre e con texto e dirección de Santiago Cortegoso.

O punto de partida da obra é o inicio dunha viaxe da protagonista na procura do seu pai, do que só sabe que vive en Nova York e que lle manda un agasallo cada ano polo seu aniversario. Estes agasallos son tesouros para ela e constitúen un crebacabezas co que foi construíndo un mito que a acompaña no seu desenvolvemento vital.

IbuprofenoTeatro A filla de Woody Allen

‘A filla de Woody Allen’ é unha montaxe fresca, tenra e divertida sobre a procura dos antepasados e o auto coñecemento. Para a protagonista atoparse co mito do seu pai revélase como a vía para acadar a felicidade, pero tamén supón unha fuxida dunha vida insatisfactoria. A protagonista, interpretada por Marián Bañobre, pon todas as súas esperanzas nese ser descoñecido, a viaxe a Nova York é a viaxe a un mundo ideal, a resposta a un interrogante vital.

Los Payasos de la tele
A programación continúa o venres 10 co concerto de El Consorcio dentro da súa xira de despedida. O domingo 12 ás 18:00 horas o público familiar poderá gozar con ‘Los Payasos de la Tele’, un musical homenaxe á familia Aragón na que poderemos recordar temas como ‘Hola Don Pepito’, ‘Cómo me pica la nariz’, ‘El Auto’, ‘Dale Ramón’ ou ‘Susanita’.

Cartel_Electro_02

Ademais o martes 7 e o mércores 8 dúas as escolas de teatro da cidade presentan as súas propostas de teatro afeccionado. O martes 7 ás 21:00 horas o grupo Jueves Te-antro da Escola de Teatro Artestudio presenta ‘Electrocardiograma’, e o mércores 8 ás 20:30 horas o grupo da Escola de Teatro Casahamlet presenta ‘Zi, muller que zomoz parvaz’, un percorrido por distintas secuencias do teatro universal con textos de Shakespeare, Tenesse Williams, Manuel Lourenzo, Rosalía de Castro ou Itziar Pascual, entre outros.