María Barranco protagoniza a última comedia de Jordi Galcerán

O venres 22 ás 20:30 horas chega ao Teatro Colón a última obra de Jordi Galcerán. O reputado autor catalán que xa nos sorprendeu con títulos como ‘El Crédito’ ou ‘El método Grömholm’ aborda en ‘Cancún’ o mundo da parella a través dunha atolada comedia.

CANCUN_2

Dirixidos por Gabriel Olivares os actores María Barranco, Vicente Romero, Francesc Albiol e Carmen Gutiérrez dan vida a dous matrimonios amigos que deciden pasar xuntos as vacacións. Xa instalados en Cancún e con algunha copiña de máis comezan a preguntarse como terían sido as súas vidas se as parellas estiveran intercambiadas. A partir de aí comezan a xurdir unha serie de segredos nos que o personaxe de Reme, interpretado por María Barranco, xoga un papel fundamental.

‘Cancún’ fala dos grandes temas como: o amor, a busca da felicidade, pero tamén dese tipo de persoas que –amparándose no amor que nos teñen- nos manipulan e encamiñan as nosas vidas, sempre, claro, coa mellor das intencións. Os personaxes desta comedia teñen a súa vida feita pero, de repente, comezan a preguntarse se tomaron as decisións correctas, se están onde se imaxinaron que estarían, se son felices.

Música, humor e teatro para nenos

A programación desta semana complétase co concerto de Gil do Carmo o xoves 21, o espectáculo ‘Yo no soy gracioso’ do actor Canco Rodríguez o sábado 23 e o espectáculo para público familiar ‘Sopa de Sapo’ de Talía Teatro o domingo 24 ás 18:00 horas.

Gil do Carmo conxuga a tradición do fado co jazz e consigue crear un sentido estético singular e persoal. O xoves 21 ás 20:30 horas presenta en concerto o seu novo disco ‘A Uma Voz’. A programación continúa o sábado 23 ás 20:30 horas co espectáculo ‘Yo no soy gracioso’ do actor Canco Rodríguez, coñecido por interpretar ao personaxe de ‘El Barajas’ na serie ‘Aída’.

O domingo 24 a compañía galega Talía Teatro presenta ‘Sopa de Sapo’, un espectáculo para gozar en familia que nos remite aos tradicionais contos de bruxas e feitizos. Recomendada especialmente para nenos de entre 6 e 11 anos a montaxe promete divertir a grandes e pequenos.