Música

Maio Jazz | Antón Quintela: ‘Nemólito’

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

Antón Quintela é un baterista e compositor galego establecido na cidade de Porto. Formouse nos conservatorios da Coruña, na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto, no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e cos mestres John Riley e Ian Froman na cidade de Nova York como bolseiro da Deputación da Coruña. Actualmente lidera un trío no que interpretan repertorio tradicional jazzístico e un quinteto onde ten explorado as súas composicións e arranxos orixinais xunto a algúns dos músicos máis destacados da nova xeración do jazz portugués; en paralelo á súa actividade como líder forma parte doutros colectivos do panorama luso-galaico como o Diego Alonso 5tet, o Eixo do Jazz Ensemble e o Filipe Dias Trio.

Nemólito (“rocha arborizada”) é o nome deste proxecto de recente creación que serve como medio para presentar a nova música do baterista. Ao mesmo tempo pretende contribuír á concienciación sobre a necesidade dun futuro no que o verde da natureza se sobrepón á cor cincenta e sen vida que predomina en tantas urbes deste globo.

Para este cuarteto convida a tres dos músicos máis destacados do jazz luso para que o acompañen nesta viaxe. Os tres son músicos que contan cunha ampla proxección internacional e que ademais lideran proxectos baixo o seu propio nome onde tamén exploran as súas facetas de compositores, polo que, de xeito intencional ou non, terán sempre una palabra a aportar sobre o imaxinario musical do baterista, caracterizado principalmente por un forte compoñente lírico. Este cuarteto, que se encadra na vangarda do jazz e bebe de múltiples influencias dentro e fóra do xénero, complétase con José Soares no saxo alto, Miguel Meirinhos no piano e Demián Cabaud no contrabaixo.