Música

Coa nosa voz | Antía Muíño

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

Revelación absoluta da nova canción galega, o seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autor e a querenza pola música tradicional galega. En Carta Aberta, o seu primeiro traballo discográfico, revélase un estilo propio que conquista a crítica e público, levándoa a presentar a súa música en festivais e salas de toda a península e internacionalmente en Portugal, Marrocos e República Checa. Ten participado en festivais tales como o Festival de Jazz de San Sebastián, Veranos de la Villa, Os Xoves de Códax, Jazz ao Norte, Festival N2 ou o Festival Maré, entre moitos outros; e colaborado con artistas da talla de Xabier Díaz, Baiuca, Las Migas ou Luis Pastor.

Gañadora do Premio Martín Códax da Música Galega como Artista Emerxente, foi tamén finalista dos Premios MIN en dúas categorías e embaixadora de Spotify EQUAL, facendo que a portada do seu primeiro álbum saíse en rotación en Times Square (NY). En 2023 é escollida por AIE para xirar por España e Marrocos e seleccionada para participar na maior feira musical de África (Visa for Music), ademais de ser finalista nos Premios da Crítica de Galicia. En 2024 continúa xirando e presentando novas cancións que formarán parte do seu segundo álbum.

Formación:

  • Antía Muíño: guitarra, pandeireta e voz
  • Miguel Arribas: saxofóns e teclado
  • Ton Risco: percusión
  • Yudit Almeida: contrabaixo