Félix Albo e La Comparsita protagonizan esta fin de semana no Teatro Colón

O venres 8 de xullo ás 21:00 horas Félix Albo presenta ‘El pueblo de los mellados’, unha divertida historia de misterio que conta co selo R de espectáculo recomendado por La Red de Teatros. O sábado 9 ás 21:00 horas La Comparsita & Aixa Romay darán un concerto repleto de música para bailar.

felix albo_3

Félix Albo é un dos contadores de historias máis recoñecidos da actualidade. Con máis de vinte anos de experiencia sobre os escenarios, desenvolveu un estilo propio co que percorreu espazos escénicos e festivais de Europa, África e América. Da man dun humor rápido, elaborado, perspicaz e intelixente vertebra as súas propostas e consegue do público unha relación empática e inmediata con cada un dos seus personaxes.

En ‘El pueblo de los mellados’, espectáculo co que celebra o seu 20º aniversario sobre as táboas, cóntanos unha divertida historia de misterio e intriga na que catro asasinatos perturban a apracible vida dos habitantes dun pobo. Humor delirante e intriga mestúranse nesta proposta con sorprendente precisión.

Música para bailar con La Comparsita

O sábado 9 La Comparsita & Aixa Romay volven ao escenario do Colón con música para bailar. Un concerto no que revisarán xéneros como o bolero, o cha-cha-cha ou o latin jazz. O obxectivo da banda é recuperar a calidade musical e a elegancia dos antigos salóns de baile e das míticas sesións vermú.

Comparsita_peq
A programación da semana complétase coa actuación o martes 5 dos alumnos da Rock School Coruña, que repasarán temas de musicais tan emblemáticos como ‘Chicago’, ‘Little Shop of Horrors’, ‘Les Misérables’ ou ‘A Little Night Music’.

Ademais continúa o ciclo de teatro afeccionado Candilejas Don Bosco coa obra ‘A Pousada Máxica’ do grupo Arjé Teatro e o mércores 6 co musical ‘Grease’ do Centro Liceo La Paz o xoves 7 de xullo.