Teatro

SOL NEGRO

Imaxe de portada:Lidia Kalibatas

Sol negro.

O estigma da depresión. 

No ano 2014 a Doutora en psiquiatría Silvana  Pujol, publicou o seu estudo comparativo entre poboación médica e poboación en xeral acerca das crenzas sobre a doenza depresiva. Neste traballo titulado; “Estigma asociado a la depresión entre médicos no psiquiatras”.

A hipótese que expón a autora como resultado do seu estudo, é que entre médicos e non médicos, non hai unha diferenza significativa en canto a tales crenzas.

Dalgunha destas crenzas procede o “estigma” da depresión. Unha marca que o doente depresivo leva estampada e que facilita o traballo da ignorancia para cubrilo de imputacións inxustificadas por parte dos seus semellantes.

Cando a ignorancia procede da falta de información, é curable por medio do coñecemento. O problema é mais grave cando esta ignorancia ven alimentada por un prexuízo. O prexuízo provoca emocións negativas cara o obxecto prexulgado. Ademais o prexuízo é refractario aos argumentos da razón, pois está arraigado pola persistencia en conceptos errados, remachados pola linguaxe ao longo do tempo. O matiz negativo que damos a palabras como; tolo, demencia, psicópata, deprimente, etc. son ao mesmo tempo mostra da existencia do estigma e ferramenta para a estigmatización do doente.

Os medios de comunicación e entretemento reflicten e realimentan eses conceptos errados que levan á implantación do estigma. A este respecto a Dra. Pujol di, “ O mozo estadounidense medio consome 1500 horas por ano vendo televisión, mentres que neste mesmo período pasa 900 horas na escola. Na idade dos 18 anos terá presenciados mais de 200.000 feitos violentos. Os retratos estigmatizadores que vinculan violencia e criminalidade con doenza mental son habituais nas transmisións vistas polos mozos”.

As transmisións informativas, os xornais e as redes sociais tamén adoitan usar e abusar deste tipo de retratos; “Un solitario cunha historia de depresión e intentos de suicidio, escapará da pena de morte a cambio de declararse culpable e de colaborar cos investigadores doutras mortes sospeitosas” dicía un artigo do prestixioso xornal Times, presentando como relevantes os antecedentes de depresión e tentativas de suicidio na condición de asasino en serie.

Aínda peor é o caso de revistas psudocientíficas, como “Discovery Salud”, establecendo claramente unha relación entre doenza mental e tratamento psiquiátrico con casos de asasinatos múltiples.

A estigmatización do doente depresivo está, por diferentes causas e medios, presente de xeito visible na sociedade. E se isto non fose inxusto por si, os efectos que provoca son devastadores para a persoa depresiva cando esta asume o estigma e concorda cos etiquetadores. Neste momento estaremos a contemplar como a ignorancia prexuizosa determina unha exclusión social. Inxusta coma todas. Neste caso coa circunstancia de que a persoa condenada á exclusión non terá vontade para fuxir dela ao ter unha imaxe estigmatizada de si mesma.

 

Prezo: 10€ (2€ acción social)


Calificación: PA (Público Adulto)

DATAS E HORARIOS

  • Xoves, 23 de Febreiro de 2017 | 21:00

FICHA ARTÍSTICA

Sol negro o “acto” Teatro. Recreación escénica do estado depresivo con textos baseados en obras de Samuel Becket e Julia Kristeva. Na escena cobran vida dúas personaxes que viven en lugares diferentes da súa existencia a doenza. Nun caso é Krapp, protagonista de “A última cita de Krapp” de Samuel Becket, quen manifesta síntomas e circunstancias dun ser ancorado no malestar dunha ausencia. Nun outro artificio serán as argumentacións poéticas de Julia Kristeva dando voz ao doente consciente da doenza, falando dela, tentando artellar un discurso que a faga comunicable. Dúas ficcións contidas nun marco estético visual e musical. Un xerador de emocións que remata o seu fluído de enerxía na fin da racionalidade. A análise do prexuízo e as súas consecuencias, como un primeiro paso para chegar, se non á verdade, a refutar as bases da falsidade na que se apoia o prexuízo. Sobre o escenario estarán presentes unha actriz física, un actor, un pianista e un doutor en psiquiatría. Un elenco non moi habitual para unha forma escénica inusual.