Cine

Sofía Casanova, a obreira do pensamento

Preestrea de ‘Sofía Casanova, a obreira do pensamento’.

A chegada de Sofía, Vicente, e as súas fillas a Mera esperta a curiosidade dos veciños sobre tan ilustres visitantes. Vicente dedícase a escribir un estudo sobre Platón e Sofía a superar un estado anímico baixo. O ego desmedido de Vicente é o principal escollo para a recuperación de Sofía.

Pero a chegada da criada Pepa, unha moza aldeá de Cecebre vai dar un xiro á vida familiar dos Lutoslawski.

Pepa descobre que Jadwiga, a filla pequena de Sofía morreu porque Vicente impediu que un médico a atendese. Desde ese instante, Pepa afánase en resucitar a señora a través do coidado do xardín da propia residencia de Mera. Cando Sofía sabe que Pepa é nai solteira, ofrécelle que traia o seu fillo Antón á casa. A presenza de Antón crispa a Vicente, xa que eles non puideron ter un fillo varón.

Pero un novo embarazo da esperanzas ao matrimonio. Nove meses despois nace Halina, outra nena. E Vicente foxe a Londres unha tempada a encontrarse cunha amante. En ausencia de Vicente, Sofía, apoiada por Pepa, retoma a escritura, a vida intelectual e un ambiente familiar relaxado. Pero a chegada de dona Rosa, a nai de Sofía fai saltar a harmonía.

Dona Rosa busca explicacións de porque Sofía non contesta a correspondencia que lle envía Vicente.

Cando Sofía presenta en público o seu segundo libro de poemas, “Fugaces”, Vicente reaparece para marcharen todos a Polonia. Sofía debátese entre o que dita a moral e o que dita a dignidade e quere quedar en Mera. Pepa, pola súa banda, tamén se enfronta a un conflito importante: abandonar o seu fillo ou abandonar a señora.

Prezo: De balde ata completar aforo.



DATAS E HORARIOS

  • Venres, 25 de Febreiro de 2022 | 19:00