Música

Pablo Sanmamed Trío

ESTACIÓN DE JAZZ A CORUÑA

Presentación do disco 16/04

Jazz e World Music danse a man neste esperado disco debut de Pablo Sanmamed Trío cheo de melodías das que fican na cabeza. Nel mergullámonos nunha atmosfera especial na que se suceden valsas afrancesadas, horos romanís e sabores varios das músicas de transmisión oral nun proceso de deconstrución musical desde a linguaxe do jazz. Unha particular banda sonora na que se conxugan composicións orixinais de carácter descritivo con pretextos compositivos en que intuír distintas sonoridades de raíz.

16/04 é un disco de excepción da nova escena musical do jazz de Compostela, distinguida polo seu interese na materia prima das músicas tradicionais.

  • Pablo Pérez Sanmamed: contrabaixo, baixo eléctrico
  • Iago Mourinho: piano
  • Bruno Couceiro: batería

ESTACIÓN DE JAZZ

Esta Estación de Jazz da Coruña, a cabalo entre o inverno e a primavera, trae ao Teatro Colón catro das máis destacadas propostas xeradas na trepidante e prestixiosa escena galega do jazz.

Nesta particular estación poderemos mergullarnos na nova posta en escena de Sumrrá, presentando o seu novo disco coas videocreacións de Laura Iturralde.

Tamén darán a coñecer as súas novidades discográficas dous dos nomes máis sólidos da escena ibérica, Pablo Sanmamed Trío e o Pablo Castaño Quartet, que estará acompañado pola cantora Ugia Pedreira.

O concerto especial de apertura corre a cargo de Naima Acuña Project. Nel poderemos escoitar as novas composicións da prestixiosa batería coruñesa coa participación do artista internacional Simon Moullier.