Música

Leilía | Anque me vou non me vou

Anque me vou non me vou, que ben reflicte o noso sentir!

Neste espectáculo mesturamos temas novos, do noso último traballo discográfico, Vidas Cantadas, con vellas sonoridades de Leilía e a combinación de tempos e sons en nós está facendo agromar sentimentos de alegría, sorpresa, celebración, nostalxia…, dos que esperamos contaxiar ao noso público.

Certo é que marchamos e dicimos adeus a palcos, teatros, festivais e tamén a probas de son, estudos de gravación, ensaios…, pero aínda que todo isto quede atrás, Leilía xa forma parte do imaxinario colectivo deste país e cada vez que alguén escolla un dos nosos temas nun pub ou no seu fogar…, cada vez que un pai lle poña á súa filla un vídeo para aprender unha canción, que un corredor nos leve na súa lista de reproducción, ou que un adolescente coa súa mestra practiquen un toque téndonos de referencia…, Leilía seguirá alentando e ese alento fará máis doada a nosa despedida, porque lle dará sentido ao noso labor. Un labor que cunha mestura de orgullo e mágoa se despide da escena, pero que segue vivo no día a día desta sociedade grazas ás persoas que o valoran.

Certo é que marchamos, pero quedamos en cada copla, en cada imaxe, cada vídeo que escollades…, e tamén en cada mensaxe, cada lembranza que vos leve a un bo momento compartido ao longo destes máis de 30 anos de percorrido de Leilía.