Ópera

Le Villi, de Puccini

DE ESTREA

 

A ópera Le Villi de Giacomo Puccini é un proxecto transversal, colaborativo e pioneiro, reflexo do potencial creativo e artístico das ensinanzas públicas galegas que marca un fito na historia cultural da nosa comunidade. Pretende ser a semente que demostre, ao alumnado, as posibilidades laborais que surxen da fusión coas diferentes artes e oficios; e, á sociedade, as oportunidades que otorga o traballo en equipo e a colaboración institucional.

Le Villi pretende xerar emocións profundas e transformadoras co argumento, coa música, coa escena e co feito de que a xuventude galega atópase detrás do proxecto. As súas inquedanzas, emocións e pensamentos quedan dalgún xeito impregnadas nesta produción. Un proxecto que pretende inspirar e reflexionar sobre o cambio social e o camiño a percorrer.

Baixo a dirección do Conservatorio Superior de Música da Coruña, neste proxecto converxen os seguintes centros: a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Escola de Arte Superior e Deseño Pablo Picasso e os Centros Integrados de Formación Profesional Imaxe e Son, Paseo das Pontes e de Someso. Desta colaboración sen precedentes parte unha viaxe a través da música, o drama e a beleza visual. En total, en torno a 150 talentosos estudantes interveñen no proceso creativo desta proposta artística única.