Cine

INTERSECCIÓN | Galicia 2

DE FESTIVAIS: FESTIVAL INTERSECCIÓN

O resto é ceo
CINTAADHESIVA (Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas Estévez)
2023 / España / 6:08 min / Estrea mundial

O resto é ceo recolle unha versión de varios textos que conforman o inicio do poemario homónimo de Silvia Penas e nos presenta, a través dun código simbólico e iconográfico, por un lado a chegada á illa caboverdiana de San Vicente e o impacto ante a consciencia de ser a outra, representante da dominación á que estivo sometido o arquipélago durante séculos e a culpa. Por outro, a omnipresencia do ceo, que á súa vez somete ao pobo ano tras ano ás sequías. Son este os dous eixos sobre os que orbita o videopoema que nos mostra un corpo europeo, en soidade, alternando desde unha superioridade culpable até o medo ao descoñecido.

CINTAADHESIVA (Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas Estévez) Dúo que se inscribe no xénero coñecido como “e-poesía” (poesía + música electrónica). Disciplinas como poesía, música, videoarte e posta en escena superpóñense unhas con outras nun espectáculo pensado para o directo, pois xorde da intención de apelar á escoita e á visión, pero tamén a outras partes sensibles e sensoriais do corpo de maneira que o que se produza sexa unha vivencia. Ten como base os ámbitos literario e musical, xa que se trata do proxecto orixinal da poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés.


Din que non falan
Santos Díaz
2023 / España / 17 min
Distribución: Digital 104 Film Distribution / distribucion@digital104.com

Aos pés dun outeiro no límite da cidade, dous vellos amigos pasan o tempo sentados nunha roca. Máis tarde, dous xoves ocupan ese mesmo lugar. Sucédense as conversas revelando suxestivos paralelismos sobre as súas vidas e sentimentos. Co caer do día, unha muller madura, evocando recordos de poesía, confirma certo misterio que o envolve todo: natureza, corpos e palabras.

Santos Díaz (Pontevedra, España, 1974). Licenciado en dirección de cinema polo Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya (CECC). Nese contexto realiza as súas tres primeiras curtametraxes. En 2006 múdase a Madrid onde traballa como fotógrafo en diversos proxectos audiovisuais. Tras a súa volta a Galicia retoma a dirección con A Liña Política (2015), cuxa estrea internacional tivo lugar no prestixioso Festival de Locarno; á que seguiu Os prexuízos da auga (Miramemira, 2019). Actualmente encóntrase traballando na longametraxe Solo el Ruido, do que Din quen non falan é un avance.


Insua
Marta Verde
2022 / España / 01:43:00 / Estrea mundial

Nun tributo apaixoado ao lugar de orixe da familia da a artista, esta peza de videoarte experimental tece unha danza visual e auditiva que celebra a riqueza e profundidade da nosa herdanza. Usando loops de video grabados na rexión mesma, as imaxes manipuladas en tempo real e posterioremente capturadas, capturan a esencia vida das plantas, paisaxes e texturas únicas da contorna. Estas imaxes non son pasivas, tránsformanse e evolucionan en resposta directa a música. A peza sonora elexida, unha reinterpretación dunha peza tradicional que comparte o nome co lugar, non só proporciona o telón de fondo auditivo, senón que tamén inflúe activamente no comportamento do vídeo. Mediante análise en tempo real de diferentes parámetros da canción, o vídeo reflicte e responde a música, creando unha sinerxia palpable entre son e imaxe. É unha invitación a experimentar a memoria, a tradición e a conexión dunha terra que segue viva no corazón e na arte.

Marta Verde Baqueiro (1985) é artista dixital, visualista e docente, orixinaria de Pontevedra e residente en Valencia. A súa obra céntrase na exploración da intersección entre o orgánico e o electrónico, creando un fluído diálogo entre forma e caos. Emprega técnicas como o ruido, a repetición e o procesamento dixital de imaxes analóxicas ou sinais dixitais en tempo real. Nas súas creacións, as colaboracións con músicos e outros artistas son esenciais, adaptándose a medios e estilos diversos como o uso de código en tempo real, loops de vídeo ou sintetizadores analóxicos. Marta non só se vale da tecnoloxía existente, senón que tamén é quen de desenvolver a súa propia, mediante a fabricación dixital e a innovación electrónica, inspirándose na cultura maker e DIY. Expuxo o seu traballo en festivais como MIRA, WOS, Curtocircuito, LEV Gijón/Matadero, Eufònic, Primavera Sound, DGTL, Nos Em D’Bandada Porto, Ull Nu Andorra, Volumens, EnsoLab, Transdisciplina, Benidorm Fest, Play-doc, entre moitos outros. Ademais da súa marcada presenza na escena artística e musical, Marta colaborou en proxectos comerciais de publicidade e con marcas internacionais, demostrando a súa habilidade para combinar arte e técnica. Actualmente, é Profesora Contratada no Berklee College of Music (València Campus) e Max/MSP Certified Trainer.


Non te vexo
Xacio Baño
2023 / España / 14 min
Producción: Rebordelos / rebordelos@rebordelos.com
Distribución: Marvin&wayne / fest@marvinwayne.com

Ensaio fílmico sobre a imaxe negada. A escolla das fotografías xera un relato para contarnos. Que contan as imaxes descartadas? Que instantáneas consideramos imprecisas, defectuosas? Cal é a historia que eliminamos do noso relato vital? Que encontramos neses descartes?

Xacio Baño (Xove, Galicia, España 1983) estuda dirección cinematográfica, especializándose en edición. Produce, escribe e dirixe varias curtametraxes, entres elas ECO (2015), SER E VOLTAR (2014) e ANACOS (2012). Participou en diversos festivais como Locarno, New directors / New Films – MoMA, Festival de San Sebastián, Viennale, Clermont-Ferrand, Telluride Film Festival, Mar del Plata, BAFICI ou Slamdance. TROTE, a súa primeira longametraxe de ficción, estreouse no festival de cinema de Locarno en 2018.


Panxoliña para unha paisaxe morta
Breogán Xague
2022 / España / 4:12 min / Estrea mundial
Producción y distribución: Cantam 808 / cantam808revista@gmail.com

Unha paisaxe invernal amósase co inicio da escuridade e remata coa chegada da luz diurna. Neste tempo a percepción muda e o espectador terá que completar unhas imaxes fragmentadas que funcionan como restos dun pasado que sempre nos atopamos incompleto. Un texto feito a partir de fragmentos do poemario Night de Etel Adnan fara de guía a través desta noite xa pasada.

Breogán Xague (Vigo, 1999) rematará este ano o Mestrado en Arte Libre da Royal Institute of Art de Estocolmo, facendo prácticas como asistente de artista entre Santiago e A Coruña. O seu traballo, que abarca música, poesía, video e instalación escultórica, trata de comprender a relación entre lingua e paisaxe na cultura galega; con que mecanismos de representación se transmiten ambas cuestións e que espazos deixan descubertos. Nesta primaveira tivo a súa segunda exposición individual na Suecia, na Galleri Mejan de Estocolmo, tras ter exposto antes na Galleri ID:I, no museo Mint, ou na Academia Sueca das Artes. Mantén vivo o seu vínculo con Galicia, participando na última sección Supernova do Festival Internacional Curtocircuito de Santiago, colaborando co diario OFerrado, publicando cancións ao beiro de ARegueifaPlataforma 2.0 ou gañando o Premio de Poesía Xaime Illa Couto e o Novos talentos luso-galaicos de pintura e escultura do Eixo Atlántico. Fundou ademáis o proxecto cultural CANTAM 808 e publicará nos seguintes meses o seu primeiro poemario.


Ningún Deus
Mirian Opazo
2022 / España / 18 min

Ningún Deus fala sobre identidade a través do Entroido tradicional do rural da provincia de Ourense, no interior de Galicia. Esta peza xorde da investigación arredor dos vínculos entre o rito máxico e a construción da identidade e a memoria colectivas do pobo. Ningún Deus mostra precisamente a “construción” dunha das máscaras tradicionais do Entroido ourensán: o peliqueiro de Laza, a través dos días e momentos previos á súa primeira saída ás rúas da aldea.

Mirian Opazo. Artista visual, graduada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, cursando un Máster en Creación e Prácticas Artísticas na mesma universidade. O seu traballo segue unha liña, na actualidade, consistente na exploración e investigación artística, a través principalmente do audiovisual, de cuestións como a identidade e a memoria, tanto a nivel individual coma colectivo, sempre dalgún xeito vencelladas ao ámbito rural. No 2022 acada o segundo posto no certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia, coa curta Retratos do Silencio (2021). E no 2023, con Ningún Deus (2022), forma parte da sección oficial de non-ficción do XX Festival de Cans, acadando unha mención especial do xurado.


Eu non quero ser triste
Sabela Eiriz
2022 / España / 5 min

O medo e a tristeza non están tan lonxe un da outra, como tampouco a memoria está lonxe do olvido. Basta unha pequena corrente eléctrica para desfacer o camiño dun recordo (lembrar é un acto de fe). Basta unha pequena lista da compra para recordar as cousas importantes antes de que a memoria comece a fallar (lembrar é un acto de amor). A memoria é un desprazamento de imaxes e palabras que constrúen algo novo (algo noso). Un videopoema, por exemplo.

Sabela Eiriz. Artista multidisciplinar que traballa principalmente coa fotografía, o vídeo e a escritura. Ao longo da súa traxectoria profesional, ten participado en exposicións, proxeccións, visionados e residencias, así como en espectáculos teatrais e traballos fílmicos, diante e detrás das cámaras. Nos seus inicios formouse no eido do teatro, estudou Comunicación Audiovisual (USC) e posteriormente especializouse cos mestrados de Fotografía e Deseño (Elisava), Estudos Comparados (UPF) e Profesorado de Artes plásticas e visuais (UDC). Actualmente desenvolve a súa tese de doutoramento en artes e educación (UGR) e compaxina a súa actividade artística coa docencia.

Prezo: De balde ata completar aforo.



DATAS E HORARIOS

  • Xoves, 19 de Outubro de 2023 | 20:30