Danza

Antoloxía Nova Galega de Danza | Dique

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña este mes de xeneiro para presentar no Teatro Colón un fito único: unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: Leira, Berro e Dique. A muller toma o centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza. Tres noites máxicas nunha mesma fin de semana na cidade herculina para botar o pano da celebración do 20 aniversario de Nova Galega de Danza. Tres noites máxica que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na cidade.

Dique

Dique nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.

Poucas persoas saben que a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España foi escavada por mulleres. Entre 1874 e 1879 executouse a construción do Dique da Campá de Ferrol. Alí, un total de 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. Eran ‘as estibadoras’. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.

Tradición e modernidade. Fortaleza e resiliencia. Sindicalismo e empoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Toda unha chea de emocións e sentimentos conflúen en Dique para narrar a historia daquelas 200 mulleres silenciadas que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol. Nova Galega de Danza pretende ofrecer un espazo de reflexión sobre esta historia que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico.

Dique é unha coprodución de Nova Galega de Danza e Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego.

  • Idea orixinal: Nova Galega de Danza
  • Dirección artística Nova Galega de Danza: Jaime Pablo Díaz
  • Dirección de escena e dramaturxia: Marta Pazos
  • Coreografía: Belén Martí Lluch
  • Deseño sonoro e composición musical: Clara Aguilar
  • Deseño de escenografía e vestiario: Clàudia Vilà
  • Deseño de iluminación: Cristina Bolívar
  • Bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites
  • Axudante de coreografía: Ana Botía
  • Axudante de escenografía: Carolina Díguele
  • Cover: Lúa Cárdenas
  • Realización de vestiario: María Negreira (CDG)
  • Sombrereira: Carolina Díguele
  • Zocas: Elena Ferro
  • Pandeiretas: Sanín Percusión Tradicional
  • Construción de pedras: Castells y Planas
  • Prácticas en creación: Estela Ferrándiz (Máster en Artes Escénicas – URJC) e María Casares (Máster en Pensamento e Creación Contemporánea – ESADCYL)
  • Dirección técnica: Cristina Bolívar
  • Produción: Nova Galega de Danza
  • Produción executiva: Jaime Pablo Díaz
  • Fotografía: Vanessa Rábade
  • Deseño de cartel e creatividade: Patricia Portela
  • Comunicación: The Office Comunicación
  • Patrocinios e apoios: Dique conta co patrocinio da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) como espectáculo inaugural do festival no 2024. A peza conta tamén co patrocinio do Concello de Ferrol. O Concello das Pontes colabora de xeito habitual coa compañía. Nova Galega de Danza conta co patrocinio de Vegalsa – Eroski.
  • Agradecementos: Agrupación Foliada de Salto de Vimianzo, Falcatrueiros de Monterroso, Ignacio Frutos (Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol), Asunción Larranz, Hugo Torres, Tania Caamaño, Isa O’Connor e persoal do CDG – Salón Teatro
  • Estrea absoluta de Dique: 21 de xuño de 2024 no Salón Teatro do Centro Dramático Galego