Música

Ana Yáñez + Tres Trastes e Alma Sarasola + Quinteto InVento

PROGRAMACIÓN DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA: SONS PARA UN REGRESO

 

O Teatro Colón vístese de gala para celebrar o reencontro con catro profesionais da música, que fixeron parte, nas últimas décadas, do programa de Bolsas de Perfeccionamento de Estudos Artísticos da Deputación da Coruña. Trátase da primeira edición dunha experiencia pioneira, que se desenvolverá durante dous días, conducida polo xornalista Anxo Quintela, e na que se darán cita catro formacións lideradas por catro artistas coruñesas: a pianista Rosalía Gómez Lasheras, a saxofonista Patricia Cadaveira, a trompa Alma Sarasola e a guitarrista Ana Yáñez. As catro artistas presentan sobre o escenario do Teatro Colón cadanseu proxecto artístico, ben como solistas, ben como membros de formacións de cámara, e serán entrevistadas por un dos grandes nomes do xornalismo cultural galego, Anxo Quintela, nunha conversa distendida, co ánimo de achegar os públicos ás artistas e ás súas traxectorias e vivencias persoais e profesionais. Catro propostas musicais con contidos moi variados, que van desde o jazz até o tango, a música clásica, a contemporánea ou diferentes arranxos de músicas diversas para quinteto de vento e trío de guitarras, danse a man nun emotivo encontro entre estas artistas e a institución que, no seu día, acreditou nelas e apoiou a súa formación e carreira musicais.

_______________________________________

  • Ana Yáñez e Tres Trastes
    Programa: música para trío de guitarras que afonda na busca das diferentes posibilidades expresivas desta pouco usual formación camerística.
    Obras de Eberhard Werdin, Jorge Cardoso ou Albéniz, entre outros
    Intérpretes:
    Ana Yáñez, guitarra
    Eloy Vázquez, guitarra
    Mateo Arnáiz, guitarra

_______________________________________________

  • Alma Sarasola Pontón e Quinteto InVento
    Programa: música para quinteto de vento con obras de M. Mussorgsky e A. Klughardt
    Intérpretes:
    Patricia González Moreira, frauta
    Óscar Galán Adega, fagot
    Adrián Castedo Alonso, clarinete
    Daniel Souto Neira, óboe
    Alma Sarasola Pontón, trompa

IMPORTANTE

 

A nova normativa establecida polas autoridades sanitarias obriga aos espectadores de eventos artísticos en recintos cun aforo superior a 200 persoas a presentar documentación que acredite unha das seguintes circunstancias:

-Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización, de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

-Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas, no caso das PCR, e 48 horas, no caso dos test de antíxenos. No caso dos test rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de test rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/C 24/01, do
Consello de Europa.

-Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

Esta obriga estará vixente dende o 18 de decembro ata o 18 de xaneiro, tal e como recolle a orde publicada no Diario Oficial de Galicia: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211217/AnuncioC3K1-151221-1_gl.html