‘As do peixe’ e ‘Memorias dun neno labrego’ chegan esta fin de semana ao Teatro Colón

O venres 20 ás 20:30 horas poderemos ver ‘Memorias dun neno labrego’, un monólogo escénico de Cándido Pazó sobre a obra de Xosé Neira Vilas. E o sábado 21, tamén ás 20:30 horas, Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans e Rocío González dan vida a ‘As do peixe’, unha magnífica proposta en torno a catro ex- traballadoras dunha conserveira.

Cándido Pazó protagoniza a adaptación do libro de Xosé Neira Vilas ‘Memorias dun neno labrego’, unha das obras máis sobranceiras da literatura galega. Estas ‘memorias’ deixaron en centos de miles de persoas un pouso emotivo, e lémbrannos o cambio dunha sociedade que nas últimas décadas mudou do rural cara o urbano, nunha viaxe chea de mestizaxes que explica a nosa identidade.

Memorias_Neno_1

O espectáculo é unha proposta divertida e emotiva que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director coa súa recoñecida traxectoria como contador de historias. O traballo actoral está apoiado por unha coidada proposta de vídeocreación que lle outorga ao espectáculo un grande atractivo visual.

Unha premiada proposta ás traballadoras da conserva

O sábado 21 ás 20:30 horas chega ao Colón a premiada proposta ‘As do peixe’, unha obra que nos achega a historia de catro ex-traballadoras da conserva. Con texto de Cándido Pazó e baixo a dirección de Cristina Domínguez ‘As do peixe’ recibiu o Premio María Casares ao mellor texto, mellor dirección e mellor actriz protagonista (Susana Dans), ademais do Premio do Público no MIT de Ribadavia.

As catro protagonistas, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, participan nun ‘taller da memoria’. Nel reconstrúen a súa experiencia laboral, recordan momentos da súa vida persoal e familiar e comentan a actualidade ou expresan as súas ilusións.

as_do_peixe_2

Cándido Pazó, autor do texto, tomou como referencia entrevistas que as actrices fixeron a ex-traballadoras de fábricas de conservas. O resultado é un texto emotivo, que mestura realismo e ficción teatral e no que se combina drama e humor, característica dos seus textos máis coñecidos como ‘A Piragua’ ou ‘Binomio de Newton’, para establecer unha comunicación amena e emotiva co público.