Cine

INTERSECCIÓN | Galicia 1

DE FESTIVAIS: FESTIVAL INTERSECCIÓN

Ruovesi
Andrea Zapata-Girau
2023 / España / 19 min
Producción: Filmika Galaika / beligrosa@gmail.com
Distribución: Marvin&wayne / fest@marvinwayne.com

Cecilia, supervivente da represión militar chilena, conxuga desde o seu desterro en Finlandia, loita interior e política, disgregación xeográfica e familiar. Ao seu carón, a súa neta Aava, ofrecéndolle un novo lugar desde o que aliviar, por un momento, a carga do seu persistente e fragmentado renarrar. Baseado na vida de Silvia Eliana Aedo, que interpreta a Cecilia.

Andrea Zapata-Girau. Cineasta e montadora residente en Galicia e Finlandia. A súa obra, na intersección entre ficción e non-ficción, explora a relación entre imaxe, antropoloxía, son e música, e aborda temas como as dinámicas familiares e comunitarias, a dislocación cultural e a fe. Estudou música no Conservatorio Mayeusis e Guildhall School, Comunicación Audiovisual na Universidade Pompeu Fabra, e en 2006 trasladouse a Finlandia, onde estudou un Bachelor of Culture and Arts na TAMK School of Art, Music and Media especializándose en montaxe e entrou en contacto con outras linguaxes como a arte contemporánea e o teatro. Dirixiu o documental musical GUITARRA DE PALO e curtas como JISKRA, AAVA e RUOVESI. Os seus filmes foron programados en festivais como o Festival Internacional de Novo Cinema Latinoamericano de La Habana, o Festival de Cinema de Göteborg, e espazos como a Filmoteca Española, Cineteca (Matadero Madrid), Círculo de Bellas Artes, Museo Sitio de Memoria de Buenos Aires, o teatro Symphony Space de Nova York e a Gran Sala de Oración da sinagoga de Toledo.


Ecotone
Enar de Dios
2022 / Austria, España / 27:19 min

Ecotone é un ensaio audiovisual que se centra nas zonas fronteirizas para falar das prácticas de control que se exercen sobre diferentes espazos co fin de mantelos separados. Estruturado nunha serie de “campos” ordenados de maior a menor escala (desde enormes zonas naturais protexidas até espazos corporais diminutos), Ecotone é unha crítica a formas contemporáneas do capitalismo como o capitalismo de vixilancia ou o biocapitalismo. Usando unha grande variedade de material visual, Ecotone combina e demostra as relacións que existen entre aspectos económicos, políticos, históricos e medioambientais.

Enar de Dios Rodríguez é unha artista visual cuxos proxectos interdisciplinarios parten de longos procesos de investigación e reflexionan sobre a produción do espazo e as súas consecuencias sociopolíticas e medioambientais. A súa obra foi exposta recentemente en MACO (Oaxaca), CCA Andratx (Mallorca), Kunsthalle Wien (Viena), Beursschouwburg (Bruxelas), Sonic Acts (Ámsterdam), Centro Cultural Condeduque (Madrid) e a Mediterranea 19 Biennale (San Marino). Enar é membro de The Golden Pixel Cooperative e gañadora da bolsa de investigación do IFK – International Research Center for Cultural Studies (2023-2024).


Alicia fai cousas
Ángel Santos
2023 / España / 25 min
Producción: Amateurfilms
Distribución: Marvin&wayne / fest@marvinwayne.com

Alicia ten vintecinco anos.
Alicia fai cousas.
Alicia abúrrese… ou iso cre.

Ángel Santos. Cineasta galego en activo desde 2002. É licenciado en Historia da Arte e diplomado en dirección cinematográfica polo Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya. É autor entre outras das curtametraxes SEPTIEMBRE (2004), O CAZADOR (2008), M. (2015), ASÍ VENDRÁ LA NOCHE (2021) ou a recoñecida longametraxe LAS ALTAS PRESIONES (2014). Como docente está implicado desde hai unha década no proxecto de educación nas aulas Cinema en Curs. É cofundador de Novos Cinemas, Festival Internacional de Cinema de Pontevedra do foi director artístico durante as súas primeiras cinco edicións (2015-2019). Impartiu seminarios para universidades, centros de arte e festivais; participando como asesor en foros de desenvolvemento de proxectos do Festival de Málaga, MECAS de Las Palmas ou FIDBA de Bos Aires, e foi xurado en festivais internacionais como o FICX ou FICUNAM.

Prezo: De balde ata completar aforo.



DATAS E HORARIOS

  • Martes, 17 de Outubro de 2023 | 20:30