Concerto

Trobas a Violeta

Homenaxe a Violeta Parra
Con Tita Parra, Martirio, Rosa Cedrón e Uxía

No marco do centenario do nacemento da cantautora chilena Violeta Parra, Galiza súmase ás homenaxes que se están celebrando en todo o mundo para difundir o seu legado nun concerto especial de Tita Parra, neta da cantautora, arroupada por Martirio, Uxía e Rosa Cedrón. Tres das voces máis representativas da troba ibérica nesta celebración da figura referencial de Violeta unidas polo coñecemento e o respecto á obra de Violeta e por un modo de ser artista e muller que traspasa estilos, tempo e fronteiras. Ela segue a ser un patrimonio non só dos chilenos e chilenas senón para o resto do mundo que aínda cre na igualdade e nun futuro mellor para a humanidade.

Esta conmemoración busca difundir a obra e o legado de Violeta, abordando e recreando algunhas das súas músicas máis representativas coa presenza de Tita Parra, que coñece mellor que ninguén o legado da súa avoa, e que nos guiará por esta viaxe polo universo musical de Violeta.

A autora de “Gracias a la vida” rescatou o folclore e renovou a poesía da canción popular chilena. Muller, artista, poeta, a máis grande que saiu do pobo chileno, Violeta Parra será homenaxeada en todo o mundo.

A Galiza dos trovadores medievais, a terra que veu nacer ao colectivo Voces Ceibes e a tantas cantoras e compositoras que beberon do inasgotable cancioneiro de Violeta, rende esta homenaxe desde unha óptica que contempla un xeito propio de entendela e identificarse coa súa defensa da identidade, da lingua e da xustiza social e na que reivindicamos tamén a súa condición de muller e creadora.

Prezo: Entrada gratuíta por convite a retirar na billeteira do Teatro. Horario apertura: Xoves 21: de 16.30h a 20.00h / Venres 22: 16.30h a 20.00h / Sábado 23: 12:00h a 14:00h e 16.30h a 20.00h / Domingo 24: 12:00h a 14:00h e 16.30h a 19.00h / Luns 25: 12:00h a 14:00h e 16.30h a 20.30h / Martes 26: 12:00h a 14:00h e 16.30h a 20.30h / Venres 29: 16.30h a 20.00h / Sábado 30: 12:00h a 14:00h e 16.30h a 20.00h



DATAS E HORARIOS

  • Luns, 25 de Setembro de 2017 | 20:30

FICHA ARTÍSTICA

Tita Parra: voz e guitarra. Greco Acuña: percusións. Juan Antonio Sánchez: guitarra. Sérgio Tannus: guitarra, viola caipira e cavaquinho. João Gentil: acordeón. Convidadas: Rosa Cedrón, Martirio e Uxía. Dirección artística: Uxía.