Contacontos

CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN, ‘Contar’

Contar é un oficio que todos temos

Levo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de contalas de cara a distintos públicos

Escoitar, conversar, colleitar, destilar, contar, convivir, …

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ir por aí mostrándoo e ofrecendoo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables

A miña devoción son as persoas maiores, culturalmente refeitas na oralidade. Entre elas hai moitas que son contadoras intuitivas e intelixentes e atentísimas a todo. Devoción polo vivo interese que poñen nas historias, nos contos e nas memorias que contan. Devoción porque saben ‘elaborar un momento’: A partir dunha miga de tempo que se preste* ou inesperadamente. Aínda hai de momento en calquera lugar a onde un vaia, persoas maiores que teñen a virtude de atraer a atención e mantela cunha(s) historia(s) pertinente(s) que, por acerto e valor específico, prenderá(n) entre os nosos recordos perennes, frescos coma da primeira hora

*(Hoxe por hoxe, as migas de tempo, os momentos que se prestaban a contar, perderon bastante os seus ‘espazos naturais’: no día a día, en datas sinaladas, en épocas do ano… Temos outros enredos no seu sitio, outra medida do tempo. Fómonos deixando dese ‘costume natural’. Dese falar, contando ben contado e por contar)

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, na que temos arte e parte, asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporáneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén invento historias e contos, coma calquera…

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo.

Celso Fernández Sanmartín

C24M3069

Prezo: ANTES 20/10: 8€(VR) / 10€. A PARTIR DE 21/10: 11€(VR) / 13€
Duración: 90 minutos
Idioma: GAL
Calificación: + 12

DATAS E HORARIOS

  • Venres, 28 de Outubro de 2016 | 20:30