Música

AMANCIO PRADA CANTA A ROSALÍA DE CASTRO [ESPECIAL DÍA DAS LETRAS GALEGAS]

Amancio Prada celebra cun recital os corenta anos de ‘Rosalía de Castro’, un disco esencial da música galega.

En 2015 cúmprense 40 anos da edición do disco monográfico ‘Rosalía de Castro’ (movieplay, 1975). Era o meu segundo disco. O primeiro, ‘Vida e Morte’, editado un ano antes en París (La Boîte à Musique, 1974) tiña outras dúas cancións de Rosalía: ‘Como chove miudiño’ e ‘Un repoludo gaiteiro’.

Comecei a ler a Rosalía con dezasete anos. Chegara a Valladolid para estudar Dirección de empresas agrarias. Alí vivín tres anos e foi entón cando sentín por vez primeira a nostalxia da terra, a morriña. Estrañaba o aire e o campo do meu Bierzo natal … E os versos de Rosalía facíanme revivir os airiños aires. Emocionábanme. E aquela emoción, a súa resonancia, levoume ao canto. Case sen querer, comecei a oír dentro de min a súa música e a cantala. Nin sequera pretendía entón facer unha canción: simplemente ía dicindo os seus versos de memoria, borboriñándoos, e ao ditado da súa sonoridade brotaba a entoación semellando leve gasa que sotil o vento move … Co vento, si, coma o vento: a oración da terra. Así naceron as primeiras cancións: Cómo chove miudiño, Un repoludo gaiteiro e Pra A Habana.

Durante os cinco anos que vivín en Francia continuei lendo e roldando a Rosalía, ademais de outros estudos e quereres. En Follas Novas atopei poemas nos que Rosalía expresábase de xeito máis fondo, entrañable; versos impregnados, parecíanme a min, dunha dor existencial, sobre todo no seu último libro, En las orillas del Sar. Unha poesía intimista: ‘anque en verdade, ¿qué lle pasará aunque non sea como se pasase en todol os demáis?’. Tamén poemas comprometidos coa súa terra e coa súa xente, a súa alianza cos humildes sentindo a desgrazas e a dor allea como propios: ‘Non pode o poeta prescindir do medio en que vive e da natureza que o rodea, ser alleo a seu tempo e deixar de reproducir, hastra sin pensalo, a eterna e laiada queixa que hoxe eisalan tódolos labios. Por eso iñoro o que haxa no meu libro dos propios pesares ou dos alleos, anque bne podeo telos todos por meus, pois os acostumados á desgracia chegan a contar por súas as que afrixen ós demáis’. Se no primeiro disco, Vida e Morte (París, 1974), incluirá dúas das primeiras cancións de Rosalía, a afección e o estudo daqueles anos vividos no Barrio Latino animaron e deron contido monográfico ao disco seguinte: Rosalía de Castro (Movieplay, 1975). Dende entón non deixei de cantar a Rosalía.

Dixo Juan Ramón Jiménez: ‘Un poema no se acaba nunca, si no se abandona. Yo llevo mi poesía dentro de mí; es como el árbol que da flores, las mismas flores, tan distintas’. O mesmo coa canción. Ningunha obra pode ter, mentres o seu autor viva, senón un valor transitorio. Por iso foron varias as versión discográficas que realicei durante estes anos, co ánimo de ofrecer unha Rosalía acorde con cada etapa vital. Un cantar non máis novo, nin máis lonxe, senón máis fondo.

A poesía é coma un mar que lle devolve aos ríos a súa antiga memoria. Unha canción non se acaba de cantar nunca. Seguirei cantando, ‘pois se Deus nos deu voz, foi para cantar!

Amancio Prada. Febreiro 2015

DOSSIER
PORTADA ORIGINAL

Prezo: ANTES 01/05/2015: 15 € (VR) / 18 €. A PARTIR DE 02/05/2015: 15 € (VR) / 20 €
Duración: 90 minutos

Calificación: TP

DATAS E HORARIOS

  • Venres, 15 de Maio de 2015 | 20:30