GRANDE ÉXITO DA PRIMEIRA PRODUCIÓN DO TEATRO COLÓN

A estrea da primeira produción do Teatro Colón o pasado venres 31 de outubro foi todo un éxito, rexistrando unha ocupación superior ao 80 % do aforo. Tratábase da posta en escena do Don Juan Tenorio de Zorrilla coa que se recuperou a tradición que existía na cidade de representar este texto na noite de defuntos.

A posta en escena correu a cargo da compañía de teatro Noite Bohemia e contou con música en directo interpretada pola Orquestra de Cámara Galega, ademais da colaboración da Federación Unión de Comercios Coruñeses. Dende o Teatro Colón queremos agradecer o seu apoio e traballo para sacar adiante este proxecto.

Os actores Tone Martínez e Alba Bermúdez deron vida a Don Juan e Dona Inés baixo a dirección escénica de Javier Fernández Mariño. Ademais da estrea do venres 31, o mércores 29 e o xoves 30 houbo funcións para escolares nas que se tratou de achegar este clásico aos adolescentes. Nelas participaron máis de 1300 alumnos de 18 centros de educación secundaria da provincia de A Coruña.